In Investigación

Especialistas e profesionais traballaron na elaboración de podcasts para nais e pais

Desenvolver e difundir unha serie de contidos formativos e informativos, dirixidos ás familias e centrados en promover un uso seguro de internet por parte das e os menores, así como amosar tamén a pais e nais as oportunidades que achega a rede. Ese é o obxectivo central de Sentidiño na rede, un dos ‘microproxectos’ inseridos en Redes de innovación para la inclusión educativa y social, un proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Economía, que, no marco do Plan Nacional de Investigación 2016-2019, levou a cabo o grupo Cies (Colaboración, Innovación e Investigación para a Equidade Socio-educativa), integrado por investigadores e investigadoras da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra e da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense. No marco deste proxecto, dirixido a analizar como procesos de innovación realizados xunto a diferentes axentes educativos e sociais contribúen á inclusión educativa e social, as profesoras Esther Martínez e Manuela Raposo coordinan unha iniciativa que integra, nunha “rede de innovación interprofesional”, a especialistas, profesionais e representantes de diferentes ámbitos. Todos eles traballaron conxuntamente na elaboración dunha serie de podcast que que poñen o foco en cuestións como os sinais de alerta que é preciso ter en conta, os sistemas de control dos dispositivos dixitais ou as normas de cortesía na rede.

Integrantes del proyecto RIIES

Algunos de los integrantes del Proyecto RIIES

O obxectivo desta iniciativa, explican as súas coordinadoras, é desenvolver “un espazo de encontro destinado fundamentalmente ás familias, que fomente un uso responsable dos dispositivos móbiles e unha participación positiva dos menores en internet e nas redes sociais”. Nun contexto de “investigación participativa”, este proxecto foi desenvolvido por un grupo de traballo integrado, ademais de por Raposo, Martínez e a coordinadora do grupo Cies, a catedrática Ángeles Parrilla, por diferentes expertos e profesionais. Deste equipo formaron parte a educadora do Concello de Pontevedra e profesora da UNED Patricia González; o experto en seguridade e privacidade en novas tecnoloxías José Torres; a técnica da subdirección xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia da Xunta de Galicia Teresa Gutiérrez, o docente do CEIP Barcelos Justo Fernández; os representantes da Federación de Asociacións de Pais e Nais de Pontevedra (Fanpa) Rogelio Carballo e Francisco Freire, o profesor do Centro Rural Agrupado de Vilaboa Miguel Robiás, e a investigadora da Universidad Federal de São Carlos (Brasil) Fernanda Barboza Cid.

Unha análise da situación que levou a pór o foco nas familias

A contorna familiar, salienta este grupo de traballo nun artigo recollido nun monográfico da revista Saber & Educar, da Escola Superior de de Educação de Paula Frassinetti do Porto, constitúe un “factor determinante na alfabetización dixital e na formación de cidadáns críticos” e, polo tanto, pode xogar un importante papel á hora de “transformar os malos hábitos dos menores” na rede. De aí que o obxectivo desta iniciativa fose proporcionar “recursos ás familias para que poidan mediar neste proceso”, un propósito que, explica Raposo, xurdiu do propio diálogo con diferentes axentes e institucións e da diagnose inicial realizada para “saber de onde partíamos”.

Xunto á análise de “datos moi diversos” e á realización de diferentes técnicas documentais, esta diagnose partiu da realización dun cuestionario a 791 estudantes de secundaria e dunha serie de 193 actividades de tipo documental e entrevistas en vídeo a 97 alumnos e alumnas de primaria, secundaria e bacharelato. A estes sumáronse, así mesmo, outra serie de cuestionarios e entrevistas realizados, respectivamente, por 93 e 20 familias e dirixidos a coñecer as súas preocupacións, dificultades e necesidades. Nesta serie de enquisas, lembra Raposo, unha alta porcentaxe das e os participantes definíronse como “usuarios e usuarias expertos”, motivo polo que o grupo decidiu pór o foco na elaboración de recursos que tivesen como principais destinatarios non aos e ás menores, senón ás súas familias, co propósito de “ampliar a súa formación e diminuír a fenda dixital existente no seu seo”.

Podcasts que parten das preocupacións e intereses detectados

A seguinte fase do proxecto centrouse no desenvolvemento deses materiais, para os que este grupo decidiu apostar polo formato dos podcast, “que dan a liberdade de que cada quen poida acceder a eles no momento oportuno”, como salienta Raposo. As enquisas e entrevistas realizadas ás familias e dirixidas a coñecer “cales son os seus hábitos, se acompañan aos fillos cando están na rede, canto tempo permiten a navegación, se había algún tema que lles preocupase especialmente…” serviron así mesmo para determinar os contidos nos que se ían centrar os diferentes podcast. O primeiro, explica Raposo, tivo como obxecto falar “de como se fai unha denuncia, que cousas serían denunciables e onde acudir”, mentres que o seguinte centrouse nos “sinais de alerta, en como detectamos se os nosos fillos son adictos, se están sendo vítimas dun acoso”, e un terceiro nos sistemas de control parental de dispositivos móbiles e ordenadores. O seguinte espazo puxo o foco na identidade dixital, co propósito de que “sexamos conscientes de que rastros estamos deixando na rede, de cales serían as formas de cortesía que debemos ter en conta no virtual”, mentres que as fake news foron o eixo dun quinto espazo. “O obxectivo é que sexa unha mensaxe en positivo, pensando non só en que hai dificultades, amosando tamén as oportunidades que a rede pode dar”, salienta Raposo respecto dunha iniciativa que á que proxectan dar continuidade producindo novos programas.

Fonte: Diario da Universidade de Vigo

Recommended Posts
Green seeds